Wednesday 01 de May de 2024

Cinco obras foron presentadas ao concurso artístico para erixir un monumento ao percebe en Aguiño


O xurado reuniuse na tarde de onte no Consistorio local

Un total de cinco creacións foron presentadas ao concurso para erixir na localidade de Aguiño un monumento dedicado ao percebe: unha iniciativa promovida polo Concello co fin de homenaxear a todo o colectivo de homes e mulleres do mar dedicados a este produto, ademais de servir para promociomar e poñer en valor esta emblemática festa gastronómica, consolidada xa como unha das máis relevantes de Galicia.

Na tarde de onte reuniuse no Consistorio local o xurado do concurso, que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e integrado pola concelleira de Cultura Elvira Pisos; o decano da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Monterroso Montero; o profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Manolo Dimas Salamanca; o profesor de Historia da Arte da USC, José Manuel López Vázquez; a directora do Museo do Gravado de Artes, Rocío Hermo; e o patrón maior de Aguiño, José Antonio Santamaría.

Fallo público
Está previsto que a vindeira semana se dea a coñecer ante os medios de comunicación a obra gañadora dunha iniciativa que foi lanzada co gallo da última edición da Festa do Percebe a finais do mes de xullo e que estivo aberta á participación dos artistas ou entidades nados, residentes ou con sede administrativa dos municipios pertencentes a Arousa Norte.

A obra gañadora emprazarase nun lugar destacado da zona portuaria de Aguiño, na idea de que se concerta nun elemento activo da vida cidadá e elemento simbólico de visita a esta terra.

O proxecto seleccionado como gañador obtén como premio a contratación da obra, asumindo este Concello un importe de ata un máximo de 18.150 euros para o desenvolvemento do traballo, dende a formulación da idea ata a súa materialización.